Saturday 27 de April de 2024

Alcalde e xefe da Demarcación de Costas en Galicia inspeccionan as obras no solar da antiga fábrica de Castiñeiras


Cambios no proxecto aumentarán o uso recreativo do espazo

O concello pedirá a concesión da zona e rehabilitará a antiga fábrica de salazón, cuxos lagares, soterrados, atópanse en bo estado

O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron esta mañá as obras que o Ministerio de Medio Ambiente está a facer nos antigos terreos da fábrica de Conservas Castiñeiras.

Durante esta visita (na que tamén estiveron presentes o director de obra Ricardo Babío, técnicos municipais e responsables da empresa adxudicataria Construcciones López Cao), dende a Demarcación de Costas amosaron gran receptividade en canto a executar unha serie de reformas sobre o proxecto orixinal que en opinión do Concello contribuirán a aumentar a idoneidade deste espazo como área de esparcemento: incremento do número de prazas de aparcamento, dotación de máis metros de sendas no contorno e creación dun acceso directo entre esta zona de lecer e a veciña praia do Castro.

Outra reforma xa introducida foi o aumento da superficie dunha das dúas pistas deportivas con que conta o recinto: a de futbito-baloncesto, que pasa dos 20×32 iniciais a 20×35 metros (a outra, ten 15×32 e servirá para a práctica do tenis).

A finalización da obra está prevista para abril, data na que o Concello solicitará a concesión da zona.

Protoindustria
A este respecto, un dos atractivos máis prometedores do enclave pasa pola súa antiga fábrica de salazón, cuxa construción data de principios do século XIX e na que ao parecer atópanse en bo estado de conservación os “píos” ou lagares que formaban parte desta protoindustria e que actualmente atópanse soterrados. A intención do Executivo pasa por rehabilitar este complexo tradicional e poñelo en valor.

O orzamento da actuación que se está a executar ascende a 505.901 euros, IVE incluído